"Señor, Ti tes palabras de vida eterna".
Este é o lema do novo Plano pastoral que se presentou na Asemblea Diocesana que tivo lugar no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago e na que a nosa parroquia estivo tamén representada por un grupo de fregueses. En total reuníronse co arcebispo máis de oitocentas persoas procedentes de parroquias, asociacións, movementos e congregaciones de toda a diocese, convocados para compartir una mesma tarefa común: "Revalorizar a presenza da Palabra de Deus na pastoral da nosa Igrexa como fonte dunha Nova Evangelización". Así se formulou o obxectivo do novo Plan Pastoral 2011-2014.
Pola mañá, Luís Herrero Mayor e Olga López Míguez reflexionaron sobre: "A evangelización na cultura actual" e "A Palabra de Deus na pastoral da Igrexa".. Seguidamente houbo unha mesa redonda onde membros de varias delegacións diocesanas mostraron os obxectivos e actividades das súas respectivas áreas pastorais.
Pola tarde, Luís Otero e Eugenio González presentaron o Plano Pastoral e os obxectivos do mesmo, ofrecendo e explicando os diferentes materiais que se publicaron para axudar a levalo a cabo.
Presidiu o arcebispo, D. Julián, que estivo todo o día cos participantes, aos que animou a acoller a Palabra de Deus, gardala no corazón, como María, e anunciala no nome de Xesús, o Señor.