Sábado, 9 de xuño de 2012
Xubileo Mariano en Carballo e tarde de xogos en Cerceda
Saímos da igrexa parroquial de Santa Margarida ás 10 da mañá.
Camiño de Carballo xa fomos coincidindo cos autocares das parroquias dos Rosais
e Labañou, San Pedro de Visma, San Pío X (Escravas), da catequese do Fogar Calvo Sotelo e de San
Francisco Xabier. No noso autocar coincidimos cos catequistas e nenos de San
Xosé, de Montealto, que anque non forma parte do noso arciprestado, tamén se
une á nosa festa de clausura do curso catequético.
Cando xa estabamos chegando,
pola megafonía do autocar nos foron informando da razón de ser da visita a Carballo nesta fin de curso. En
Carballo tamén se uniu a nós a parroquia de Oseiro, que si que pertence ao
arciprestado de Riazor. En total eramos 260 persoas.
As diversas partes estaban preparadas por catequistas e nenos das distintas parroquias. Foi unha celebración viva, expresiva, áxil, participada. Deunos a benvida o párroco de Carballo e, xa no remate, despediuse de nós, explicando o porqué do Xubileo Mariano en Carballo e desexándonos unha feliz xornada.
Acudimos a pé desde a igrexa parroquial á capela da Milagrosa. O río Anllóns acompañaba o noso camiñar e os scouts de San Francisco Xabier animaron cos seus cantos ese curto itinerario.
| ¡Cumpreanos feliz! |
| A tarta era pequena, pero de chocolate! |
Xa na capela da Milagrosa, tivemos un breve acto mariano: escoitamos algúns poemas dedicados á Virxe e todos rezamos a Salve. Despois pasamos a renderlle a nosa homenaxe á Virxe María, na advocación da Milagrosa, ao tempo que se nos entregaba o simbólico recordo da súa medalla. As nubes estaban sobre nós entoldando o ceo, pero non choveu.Saímos de contadiño para Cerceda.
Ao pouco os limparabrisas do autocar empezaron a alarmarnos: chovía. Era auga fina pero persistente. Por momentos un pequeno claro no ceo permitíanos esperar que despexase, pero a auga que caía foi crecendo en intensidade. Chegamos ao Aquapark. Baixo uns paraoles dúas ou tres familias amparábanse mentres daban conta do seu xantar. Os curas foron falar cos responsables e viñeron cunha solución alternativa: no polideportivo de A Silva tiñamos as portas abertas para estar baixo cuberto e alí estaban instalados os hinchables, para que os nenos tievesen a compensación de non poder disfrutar dos xogos de auga do Aquapark.
| Panorama dos hinchables |
Ás dúas e media os monitores que nos acompañaron no polideportivo empezaron a preparar os hinchables e ao pouco unha morea de rapaces e rapazas andaban agaviando, rolando, esvarando e caendo en todas as posicións menos imaxinables.
| Os maiores compartiron os xogos |
| Hai que saltar conforme as normas... |
| Os divertidos lances do salto da corda |
| Que formaliños, despois de que acabaron a tarta |
| O mago Martín entretivo e fixo rir |
Sen tropezos e felices, chegamos áo punto de partida cando xa pasaba das oito e media da tarde.





No hay comentarios:
Publicar un comentario