Benvido, benvida.
Este é o blog da Parroquia de Santa Margarida da Coruña, en Galicia, España. A todos os que, católicos ou non católicos, nos visitades neste portal, saudámosvos fraternalmente, agradecemos o voso interese e sabede que tedes abertas as portas da nosa comunidade, un fogar para vós.
Páginas
▼
12 feb 2013
BIEITO XVI FAI PUBLICA A SÚA RENUNCIA COMO PAPA
O día 11 de febreiro, conmemoración de Nosa Señora de Lourdes e Xornada Mundial do Enfermo, o Papa Bieito XVI presentouse ante os cardeais da Igrexa como débil e incapaz de seguir á fronte do ministerio que lle fora encomendado en abril de 2005. Estas foron as súas palabras:
Despois de examinar ante Deus reiteradamente a miña conciencia, cheguei á certeza de que, pola idade avanzada, xa non teño forzas para exercer axeitadamente o ministerio de Pedro. Son moi consciente de que este ministerio, pola súa natureza espiritual, debe ser levado a cabo non soamente con obras e palabras, senón tamén, e en non menor grao, sufrindo e rezando.
Non obstante, no mundo de hoxe, suxeito a rápidas transformacións e sacudido por cuestións de gran relevo para a vida da fe, para gobernar a barca de San Pedro e anunciar o Evanxeo, é necesario tamén o vigor tanto do corpo como do espírito, vigor que, nos últimos meses, diminuíu en min de tal forma que hei de recoñecer a miña incapacidade para exercer ben o ministerio que me foi encomendado. Con plena liberdade, declaro que renuncio ao ministerio de Bispo de Roma, Sucesor de San Pedro, que me foi confiado por medio dos Cardeais o 19 de abril de 2005, de forma que, dende o 28 de febreiro de 2013, ás 20.00 horas, a sé de Roma, a sé de San Pedro, quedará vacante e deberá ser convocado, por medio de quen ten competencias, o cónclave para a elección do novo Sumo Pontífice. Cando soubemos a noticia, pasamos da sorpresa á admiración. Sorpresa polo inesperado do anuncio, dígase agora o que se diga. Admiración polo insólito e desacostumado. Son contadiños os casos de renuncia dun Papa ao seu ministerio de bispo de Roma e cabeza visible da Igrexa. Do asombro pasamosa unha alegría contida, por todo o que a decisión do Papa ten de profética e liberadora. O ministerio na Igrexa non é un poder nin democrático nin absoluto, é outra cousa. Bieito XVI axúdanos a comprendelo. Os que desenvolven na Igrexa os servizos que se lles encomende, desde un catequista ata un bispo, non están escravizados de por vida a el nin son os seus donos vitalicios. Graciñas, Papa Bieito. Graciñas pro todo o teu ministerio papal, episcopal, maxisterial e teolóxico. Graciñas tamén por mostrarnos a beleza e a liberdade da fe en Cristo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario