A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

4 feb 2012

Orando co evanxeo do domingo (Mc 1, 29-39)

“A xente anda buscándote”,
dixéronche un día, Cristo amigo.
E ti mostraches o teu corazón sensible
porque empezaches a miralos
e andaban moi perdidos,
coma ovellas sen pastor.

Xa ves, Señor, a xente anda buscándote.
E saben ben onde buscar,
Porque traen onda ti un corazón magoado,
con moitas feridas:
As tres feridas que cantou o poeta:
a ferida da vida,
a ferida do amor,
a ferida da morte.

Saben onde buscar.
E coñecen ben a quen buscan.
Non veñen na procura de éxito.
Non desexan fortuna nin saberes...
Soamente necesitan de ti,
Coma min,
coma todos os teus irmáns,
Cristo ...

2 feb 2012

Versión ilustrada do Evanxeo do Domingo V do Tempo Ordinario (B)

DOMINGO V DO TEMPO ORDINARIO (B) - SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS ( 1, 29-39)

Naquel tempo, despois de saír da sinagoga, Xesús foi á casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela.
E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.
Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle tódolos enfermos e endemoñados; a vila enteira se amoreou na porta. E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demos. Pero ós demos non os deixaba falar, porque o coñecían ben.
Moi cedo, aínda de noite, Xesús ergueuse e saíu para un lugar arredado onde se puxo a orar. Simón e mailos que estaban con el fórono seguindo, e cando o atoparon, dixéronlle:
‑ Todos te andan a buscar.
El respondeulles:
‑ Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para que tamén alí se predique, pois para isto vin.
E marchou e ía predicando nas sinagogas por toda Galilea, e botando fóra os demos.