A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

23 jun. 2012

MAGNATES SEN GRANDEZA (Andres G.V.)


Co tema da crise económica ando moi confundido, asombrado e sorprendido. Confundido, porque non me é doado comprender o que está pasando desde hai xa catro anos na economía mundial, especialmente no mundo das grandes empresas, bancos, axencias,  que negocian cos cartos confiados polos aforradores, accionistas e investidores.  A palabra magnates está demasiado próxima á palabra mangantes. 
Tamén estou asombrado pola chea de movementos que teñen os cartos. Non recordo terme parado a pensar que os estados e as súas institucións intermedias, autonomías e concellos, tamén andan “ao fiado”,  como andaba a miña familia nos anos cincuenta, cando a duras penas o xornal de meu pai chegaba para o aluguer da vivenda e para o pan de cada día. De neno non fixen buracos no cinto para apertalo porque os pantalóns infantís tiñan tirantes. E por iso os pantalóns, por frouxos que estivesen,  non caían. Aí é onde aparece sempre con ollos de mal durmir  a “prima de risco”, unha parente que se nos meteu na casa e devora os nosos bens facendo imposible que cheguemos con sosego a fin de mes. É tan aproveitada que nin sequera nos permite  vivir “ao fiado”.
Pero a miña sorpresa está na diferenza de comportamento  entre os que poden e os que non poden. Os que non poden pérdeno todo: o negocio familiar,  o emprego, o salario, as compensacións do desemprego, a vivenda hipotecada, as garantías sociais. E sen embargo reciben o apoio para resistir dos que están na mesma situación ou ameazados por ela. Son as familias, os veciños, os amigos, os que axudan, soportan e comparten as dificultades  e avivecen a fráxil confianza de que “isto pasará, xa verás como pasará”. O que economicamente ten menos poder e perde os medios de subsistencia, traballo, aforriños, vivenda, etc, comparte e ofrece solucións eficaces de acollida, axuda, subsistencia.
¿E os que poden? Os comparativamente poucos que moven centos e miles de millóns de euros e empobrecen á tanta xente e a deixan sen traballo e lle dan navalladas á súa esperanza, eses andan afanados en apuntalar o sistema. “A crise é sistémica”, din.  E para apuntalar o sistema, empéñanse en tantos millóns que xa perdemos a conta. E para que iso resulte eficaz teñen que seguir facendo axustes, recortes, dorosas navalladas no benestar. Eu, sorprendido, digo para min, pois non me atrevo a dicilo en voz alta, non vaia ser que os listos se rían de min, digo: Pero  ¿qué é o que ten o sistema de bo? ¿Non será mellor deixalo caer? O euro debe de ser clave para Europa, claro, pero é unha desgraza para Africa, por exemplo, e para o aire limpo e as augas da Terra, e polo tanto da humanidade. Empobrecendo todos un pouco en Europa seguro que moitos máis vivirían mellor noutras partes do mundo. Cando os cristiáns afirmamos que “outro mundo é posible” e pensamos no reinado de Deus e na súa xustiza, dicimos, en primeiro lugar, que  todo isto da economía mundial é unha verdadeira trapallada onde os poderosos teceron unha arañeira que paraliza as persoas e devora a felicidade  e a esperanza de construíla en común. E, feito este xuízo sobre a lamentable xestión do Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeo, Organizacións do Libre  (¡?) Comercio, os grandes bancos norteamericanos e europeos, os grandes  –pero pouquiños-  magnates (resaltada para que se lea ben), dedicados a apuntalar o sistema,  constatamos que moito é o que teñen que aprender das súas vítimas, pois entre eles  nin se axudan nin se fían, nin se apoian, e,  se chegan a un acordo é despois de  complexas conversacións nas que fican garantidas as súas desconfianzas recíprocas. Os poderosos  e os seus atafegos son o mellor exemplo do que calquera persoa de ben nunca faría. Por algo Cristo nos alertou de que non é posible “servir a dous señores”.
            Onde hai moito poderío económico  esmorece a fraternidade e reséntese a xustiza. E, se algunha hai, está seriamente ameazada. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario