A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

16 ago. 2012

"Sínodo": o camiño que se anda en comuñón


O ARCEBISPO ANUNCIOU UN SÍNODO
    Nunha recente sesión do Consello de Presbiterio, órgano representativo dos presbíteros ou sacerdotes, o noso arcebispo sorprendeu os alí reunidos, anunciándolles que ía convocar un sínodo diocesano. A sorpresa do anuncio provocou un momento de silencio que rebotou no mesmo arcebispo, sorprendido pola falta de reacción dos seus interlocutores.
    A palabra sínodo é unha palabra de raíz grega, feita co prefixo “sin-“ que indica reunión, comunidade, e mais o nome “odos”, que significa camiño. Sínodo, logo, literalmente é “con-camiño”, isto é o camiño en unión, o camiño compartido, o camiño dos que andan unidos.

O SÍNODO DOS BISPOS E O SÍNODO DIOCESANO
    Na igrexa déuselles aos concilios o nome de sínodos. Desde o Concilio Vaticano II (1962-1965) os Sínodos dos bispos son as asembleas bianuais onde se reúnen os bispos representantes das conferencias episcopais de todo o mundo e tratan os temas teolóxicos  ou os problemas pastorais que lles propón o Papa.  Estes sínodos acaban elaborando reflexións e conclusións prácticas que normalmente lle serven ao Papa para a redacción dunha Exhortación Apostólica.  O lector sabe que no próximo novembro se desenvolverá en Roma o Sínodo sobre a Nova evanxelización.
    Ademais do Sínodo Episcopal, de carácter universal, as dioceses tamén celebran sínodos. No Código de Dereito Canónico, colección das normas administrativas e organizativas da Igrexa, dise que o sínodo diocesano é unha asemblea de sacerdotes e doutros fieis escollidos, (...) que prestan a súa axuda ao Bispo da diocese para ben de toda a comunidade(c. 460).
    Así como o Sínodo Episcopal vive e expresa a catolicidade e a comuñón do “colexio episcopal” co Bispo de Roma, o Sínodo Diocesano tamén vive e expresa a comuñón dos presbíteros e fieis laicos co seu bispo e pastor.
    O sínodo diocesano é a expresión solemne e plena da comuñón eclesial da diocese. Para poñelo en marcha necesita coordinadores, programas, reunións previas, enquisas, cuestionarios, proposicións, ao tempo que definir as dinámicas e modos de participación. O sínodo diocesano require unha organización complexa que afecte a toda a vida diocesana.  Ten unhas datas de preparación e outras de realización. Que saibamos, aínda non se deu ningún paso neste sentido. Só coñecemos a intención do arcebispo de convocalo.
O SÍNODO DE CADA DÍA
          Xoán Paulo II referiuse á Igrexa local como “casa e escola de comuñón”. A comuñón eclesial é a suma das tarefas que constrúen a vida comunitaria e unen os seus membros. Non é difícil sentirse en comuñón co Papa. Vivir a fe sinodalmente é traballar pola comuñón con todos. Esixe a conversión ou vontade de crear lazos de comuñón fraterna cos membros concretos da miña parroquia e cristiáns veciños. Con realismo, sen idealismos, superando a tentación de romper ou excluír. 
    O exercicio sinodal da comuñón eclesial exprésase plenamente na Eucaristía dominical. Na alegría, participación e ambiente fraterno da Eucaristía temos un indicio fiel do carácter sinodal da fe dos que a celebran. O a súa carencia.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario