A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

29 jun 2013

CREMACIÓN, SEPULTURA... A EXPRESIÓN DA FE CRISTIÁ NA RESURRECCIÓN (R.C.C.S.)

         
   Certamente, a morte dun cristián é un acontecemento importante para a comunidade, para a Igrexa, que acompaña pastoralmente todos os feitos da nosa existencia terrea.
   O xenuíno concepto cristián da morte afirma que Deus creou o o ser humano para un destino feliz, que vai máis aló das fronteiras da morte pero que, necesariamente, ten que pasar por esta, vencéndoa.
   Tal victoria acadouna Cristo, liberándonos da morte coa súa propia paixón, morte e resurrección.
    Así pois, é unha obriga para todo cristián (recordemos as “obras de misericordia”,…) preparar axeitadamente as honras fúnebres dun irmán na fe.


¿CREMACION OU SEPULTURA?
   Xa hai tempo que vén crecendo entre nós (máis frecuentemente nas cidades) o número de cristiáns que escollen a cremación para si mesmos ou para os seus familiares. Ante esta realidade social parece apropiado ir medrando, tamén, na comprensión da nosa fe e nas opcións a tomar en consecuencia. As seguintes reflexións poden axudarnos a facer esta síntese entre fe e vida.   En primeiro lugar, hai que sinalar que a Igrexa prefire que se conserve o costume tradicional de sepultar o corpo dos cristiáns; porque, deste xeito, imítase mellor a propia sepultura do Señor. Con todo, os fieis teñen a liberdade de elixir a incineración do seu propio corpo.
   A elección da cremación non impide a celebración das exequias cristiás; pero esixe celebralas cun rito específico. O mellor e o máis expresivo será celebrar as exequias ante o cadáver antes da cremación. Hai que contar coa autorización do Bispo para celebrar o rito exequial despois da cremación ante a urna que contén as cinsas.
   En todo caso é moi importante non descoidar a reverencia que debemos aos restos do corpo dun cristián, que foi templo do Espírito Santo durante a súa vida e que está chamado a ser, pola resurrección, pedra viva do templo da Xerusalén celestial.
CREMACION E MAIS SEPULTURA
   Polo tanto, despois da cremación debemos depositar as cinsas na sepultura axeitada: nas tumbas, nichos, terra, do camposanto, como facemos cando non se fai a cremación. O máis apropiado sería dispor de columbarios, espazos destinados á custodia e veneración das urnas, lugares que propician as visitas, a conmemoración respectuosa e a oración polos nosos defuntos.
   A práctica bastante habitual de gardar as cinsas na casa, distribuílas entre a familia, depositalas fóra dos “camposantos”, dispersalas nas leiras e fragas, nos ríos e no mar (contra as leis medioambientais, pois son cinsas altamente contaminantes) non constitúe a disposición final reverente que a nosa fe esixe e que a Igrexa nos pide.
   En ningún caso, a urna coas cinsas do defunto pode levarse de novo á igrexa para a celebración do cabodano; pois este traslado está reservado para os santos canonizados.
   Acompañar a unha familia que perdeu un ser querido non é só dar azos e consolo, é tamén o acompañamento da oración comunitaria e ocasión para renovar e expresar a nosa fe na resurrección e cimentar máis fondamente a certeza da nosa esperanza.



R.C.C.S

No hay comentarios:

Publicar un comentario