A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

O accidente de Santiago: loito, solidariadade e oración

   
A festa de Santiago chegou na tarde do día 24 de xullo envolta en morte, bágoas, desconcerto e dor.
   O loito, o do corazón e tamén o loito proclamado polas institucións, prendeu en todos os galegos e todas as xentes de España, de Europa e do mundo. Todos asistimos co corazón encollido aos relatos e comentarios dos medios de comunicación, audiovisais e escritos.
Cando acontecen accidentes e catástrofes con tantas mortes non faltan as preguntas pola providencia dun Deus que é pai amante de todos os seus fillos. Non falta quen fai destes acontecementos un argumento para negar a existencia dun Deus que lles parece cruel e impasible.

UNHA OLLADA AO MUNDO
   Non é xusto cargar na conta de Deus os efectos das decisións humanas. O progreso industrial, desde o maquinismo de fins do século XVIII ata as grandes tecnoloxías dos séculos XX e XXI, non se produciu nin se logra inocentemente. Todos coñecemos a terrible explotación de homes, mulleres e nenos, condenados a horas interminables de traballo, sen garantías nin compaixón, que deu lugar ás reivindicacións e loitas sociais da nosa historia contemporánea.
   Podemos mirar tamén o continente africano e preguntarnos polo seu deterioro, polas inacabables guerras que facilmente catalogamos como “tribais”, polos milleiros de refuxiados e desprazados, etc. Non temos máis que recordar os nomes de Hiroshima e Nagasaki, de aniversario en agosto, e lembrarnos de que a enerxía nuclear non naceu para producir electricidade senón mortes masivas. O láser non naceu para eliminar as feridas do bisturí cirúrxico nin as cataratas  senón para guiar os mísiles cargados de destrución e morte. Mesmo Internet, a gran rede que nos facilita a comunicación universal, nace dentro dun programa do exército dos EE.UU. para mellorar a fiabilidade e fluidez da súa información interna.
   Vivimos nunha sociedade dirixida por decisións de consellos de administración e lobbys poderosos, que deciden clausuras de fábricas, reducción de traballadores, transferencias de incalculables cantidades de diñeiro para armas, para redes de escravitude de mulleres e nenos, etc. Parecen decisións anónimas, coma se non decidisen as persoas membros deses Consellos.
   Vivimos nunha sociedade na que fixemos do superfluo unha necesidade, da velocidade unha condición, da frivolidade un consumo masivo.

A MARABILLA DO CORAZÓN HUMANO

 Pero ademais das decisións equivocadas, interesadas, egoístas e tremendamente destrutivas que conforman a nosa realidade de cada día, abundan  as decisións de amor, de servizo,  de sacrificio polos demais, de defensa dos débiles e pequenos. Aí o corazón humano resplandece como luz e revelación do mesmo amor de Deus. A noite do 24 de xullo, entre a sombriza tristeza dun tren de morte, brillaron múltiples candeas luminosas, os corazóns das persoas que atenderon, consolaron, deron sangue e souberon ser humanos no medio do desastre. Con eles, Deus estaba alí.

No hay comentarios:

Publicar un comentario