A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

9 may 2013

TESTEMUÑAS DA FE NO MUNDO - PENTECOSTE, DIA DA ACCION CATOLICA E DO APOSTOLADO SEGRAR


Esta é a hora do Espírito,  canta un himno da Liturxia das Horas.  O día 19 de maio os cristiáns festexamos a pascua do Espírito Santo. En Pentecoste o Espírito do Señor arde no corazón dos apóstolos para que leven o anuncio de Xesucristo ao mundo enteiro. Ese é tamén o Día do Apostolado Segrar e da Acción Católica.
Hai tempo que estas  expresións, Apostolado Segrar e Acción Católica,  son  menos  frecuentes nas homilías e na fala coloquial das parroquias. Para moitos incluso resultarán novidosas, ou rancias.   A palabra "Apostolado", no senso de acción evanxelizadora  e testimonial da fe, cedeu paso a evanxelización, misión, testemuño, compromiso. A "Acción Católica", nome común dos movementos laicais en dependencia directa dos bispos diocesanos, recoñecida como organización oficial da Igrexa, ten para algúns o recendo do  nacionalcatolicismo. Non falta quen a considera desaparecida ou, en todo caso, reducida a grupos nostálxicos  e avellentados.