A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

31 ago 2012

CÁRITAS PARROQUIAL - CONTAS DE AGOSTO 2012

Ingresos:
Colectas do primeiro domingo de mes      787,62 euros
Donativos                                                300,00
                                                ______________
     TOTAL                                            1087,62 euros


Gastos:
Aportación ao Fondo Interparroquial     393,81 euros
Vales da Cociña Económica                   63,24
                                            ______________
  TOTAL                                            457,05 euros
Saldo de agosto: 630,57 euros.

28 ago 2012

O GRAN DÍA DA FESTA DE SANTA MARGARIDA (26/08/2012)

   Como é tradicional a Festa de Santa Margarida na Coruña celebrámola o derradeiro domingo de agosto. O Parque - o antigo "monte"- énchese de xente que acode a entreterse e compartir con familiares e amigos as variadas atraccións e espectáculos organizados pola Comisión de Festas da cidade. 
   Moita desa xente non sabe que a razón de localizar no "Parque" tantos entretementos nun determinado domingo está na conmemoración relixiosa da santa mártir Margarida.  Os tempos mudan e cos tempos, os costumes. Nas romaxes acudíase á misa e despois viña  o comer xuntos, divertirse e bailar. 
   Desde hai uns anos, semella que hai dúas festas diferentes, que se ignoran unha a outra: por un lado, a da Santa, na súa parroquia e cos seus devotos; e por outro, a da  Comisión de Festas, no Parque, que conta tamén cos seus fregueses, ben dispostos ao consumo do polbo e do baile.
   Despois da Misa das 12,30, arredor da unha e media do mediodía, saíu en procesión a imaxe de Santa Margarida. A procesión da nosa santiña polas rúas próximas á igrexa é moito máis ca unha expresión de relixiosidade popular ou folclórica. 

25 ago 2012

A FESTA E MAIS A HISTORIA DE SANTA MARGARIDA

   A festa 
A tradición da festa de Santa Margarida na Coruña remóntase ata o século XVI ou antes. A capela que existía antes da actual igrexa parroquial tiña unha inscrición que a databa no século XVII, pero é seguro que no mesmo sitio houbo outra capela anterior. 
  Os coruñeses facían romaxe o derradeiro domingo de agosto achegándose á capela para honrar a santa, beber a auga da súa fonte e, en grupos,  dar conta das "merendiñas" a base de polbo, tortilla e empanada acolléndose ás benéficas sombras do "monte", hoxe "parque".  Os postres compúñanse de  rosquillas, biscoito caseiro, queixo do país e pezas da froita do tempo. As muiñeiras, a gaita, os pasodobres animaban o corpo e mais o espírito dos concorrentes.
   A historia 
   Unha páxina web de Internet, fiable pola seriedade dos seus responsables e colaboradores, resume con seriedade e cariño os datos sobre Santa Margarida que  hoxe podemos soster como certos ou probables. Este é o enlace para os interesados no tema. 
http://www.preguntasantoral.es/2011/07/santa-marina-margarita-de-antioquia/
De todos xeitos, xa en oculto, incluímos aquí toda esa información.

O evanxeo do Domingo XXI do Tempo Ordinario, B (26/08/2012)

EVANXEO Xn 6, 60-69 230809 - Na nosa parroquia a celebración da festa anual de Santa Margarida obriga a empregar as lecturas bíblicas das Misas dunha Santa Virxe e Mártir.  Pero tamén nos unimos á Igrexa universal compartindo desde aquí a lectura evanxélica deste domingo. 

16 ago 2012

"Sínodo": o camiño que se anda en comuñón


O ARCEBISPO ANUNCIOU UN SÍNODO
    Nunha recente sesión do Consello de Presbiterio, órgano representativo dos presbíteros ou sacerdotes, o noso arcebispo sorprendeu os alí reunidos, anunciándolles que ía convocar un sínodo diocesano. A sorpresa do anuncio provocou un momento de silencio que rebotou no mesmo arcebispo, sorprendido pola falta de reacción dos seus interlocutores.
    A palabra sínodo é unha palabra de raíz grega, feita co prefixo “sin-“ que indica reunión, comunidade, e mais o nome “odos”, que significa camiño. Sínodo, logo, literalmente é “con-camiño”, isto é o camiño en unión, o camiño compartido, o camiño dos que andan unidos.

Preparando a festa patronal. Novena a Santa Margarida

Desde o día 17 de agosto e ata o 25, antes da Eucaristía das 9 da  mañá e das 19,30 da tarde, preparamos a festa da nosa santa padroeira rezando unidos a novena tradicional. Cada un dós días poñemos unha necesidade nas mans de Santa Margarida, conforme a seguinte relación:

- Día 17: polos nenos e pola mocidade da nosa parroquia.
- Día 18: Polos desempregados e necesitados.
- Día 19: Polas nosas familias e fogares.
- Día 20: Polas vocacións, laicais e ministeriais.
- Día 21: Polos inmigrantes e refuxiados.
- Día 22: Polas persoas maiores e enfermas.
- Día 23, aniversario XLIV da igrexa parroquial: pola comunidade parroquial.
- Día 24: Polos catequistas e educadores na fe.
- Día 25: por todos os voluntarios e colaboradores da acción pastoral da parroquia.

Evanxeo - Domingo XX Tempo Ordinario (B) Xesús, pan de vida