A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

A PRIMEIRA COMUÑÓN: A MÁIS FE, MÁIS SINXELEZA; A MENOS FE, MÁIS BARULLO.

MODELOS DE PRIMEIRA COMUÑÓN
    Non falamos dos traxes, senón dos distintos modos de celebración, tanto na igrexa como na familia. Imos reducir eses modelos ou modos a dous  esquemas onde encaixar a gran maioría das celebracións.
    Modelo 1   Familia de práctica relixiosa habitual e neno ou nena integrado na catequese parroquial ou escolar.
    Sería o modelo próximo ao ideal  desexado na Igrexa, o procurado pola maioría dos sacerdotes e catequistas, e conforme co Directorio para os sacramentos da Iniciación Cristiá vixente na nosa diocese. 
    Neste modelo, o neno ou nena protagonistas saben que a Primeira Comuñón é o primeiro día en que participan en plenitude da Eucaristía semanal, Están desexosos  de seguir recibindo a Xesús cada domingo. Están afeitos a ir cos pais e irmáns ao encontro semanal con Cristo, amigo e Señor. Son nenos que aprenderon a rezar na casa e que, dentro da súa idade, se senten amigos de Xesús.

    Neste modelo os pais colaboran cos catequistas e teñen o coidado de que os amigos e familiares compartan os sentimentos do comulgante e deles mesmos. Nos colexios e parroquias  hai unha preparación dos pais xunto coa dos nenos. Se a celebración é na capela do colexio, o uniforme serve de traxe de primeira comuñón.
    A festa que segue á celebración relixiosa é sobre todo familiar, moi alegre e con certa moderación. Aos nenos se lles fai o acordo dos pobres e entregan un donativo para eles.

Modelo 2   Familia ou pais de escasa  práctica relixiosa e neno ou nena integrado na catequese só para a primeira comuñón.
    Neste modelo facemos dúas distincións.
    Caso 1. O primeiro erro dos pais e dos nenos é reducir a catequese á preparación da primeira comuñón. Para algúns, poucos, se na parroquia a catequese funciona ben, pode ser o momento de avivecer a fe, de propoñerse a revisión dos seus anticuados esquemas ou prexuízos relixiosos, e, sobre todo, sendo sensibles a unha boa educación do fillo, implicarse moito máis do que pensaban. Empezan a rezar co fillo e axúdano a facer a primeira comuñón con certa coherencia e boa intención. Neste caso, a celebración da primeira comuñón pode achegarse ao modelo 1. Neste achegamento a clave está nunha  boa catequese parroquial.
    Caso 2. Pero tamén pode darse en moitos outros pais e nenos a actitude exactamente contraria. Os pais, sen convicións nin práctica relixiosa, deciden facerlle a primeira comuñón ao fillo, pero procuran que se lles esixa o menos posible. Esta actitude incide no desinterese do neno para prepararse.
    O acento festivo da celebración desprázase totalmente. A eucaristía, a fe, a catequese, a celebración relixiosa son soamente pretextos para o que vai seguir: xantar de numerosos comensais, traxes suntuosos, moitos agasallos e excesivo gasto. Os pobres non existen.
    Nestes casos aparecen sempre problemas coa celebración: datas incompatibles, manobras en busca de facilidades, acudir a igrexas e curas dispostos a compracer, etc. Non faltarán tampouco os conflitos con catequistas e curas coherentes.


    Non se entende ben o rigor esaxerado en cousas secundarias que  obriga as familias a unha peregrinaxe para celebrar a Primeira Comuñón.
    Pero enténdese peor  a insolidariedade cos compañeiros e a falta de cooperación e sentido eclesial dos curas que afrouxan os mínimos esixibles para a Primeira Comuñón, tal como determina o Directorio Diocesano para os sacramentos da Iniciación Cristiá. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario