«Fixémonos uns nos outros para estímulo da caridade e das boas obras» (Hb 10, 24)
Este versículo da carta aos Hebreos serviulle de motivo central ao Papa Bieito XVI para a súa acostumada Mensaxe de Coresma.
O Papa párase no significado deste fixarse atentamente nos outros, que implica –di el- fixarse en Cristo e fixarse nos irmáns, asumindo a nosa responsabilidade de atender as súas necesidades espirituais e materiais e compartir con eles a corrección fraterna e mais a resposta á chamada que Deus nos fai á santidade. Hoxe Deus séguenos pedindo que sexamos «gardiáns» dos nosos irmáns (cf. Xen 4,9) (...). O gran mandamento do amor ao próximo esixe e urxe a tomar conciencia de que temos unha responsabilidade respecto de quen, coma min, é criatura e fillo de Deus: o feito de ser irmáns en humanidade e, en moitos casos, tamén na fe, debe levarnos a ver no outro un verdadeiro alter ego, a quen o Señor ama infinitamente (Bieito XVI, Mensaxe para a Coresma 2012)
O Papa denuncia a actitude dos que torcen a cara para non veren as necesidades dos outros. A solidariedade e mais a comuñón fraterna, en humanidade e na fe, esixen de todos –non só dos crentes- atender as necesidades dos irmáns e procurar o seu ben físico (a saúde), material (nivel de vida digno), moral (educación e garantía de dereitos persoais e sociais), espiritual (a relación con Deus).
OS PUNTOS DO ESFORZO CORESMAL
Os clásicos puntos do esforzo coresmal son a oración, o xaxún e mais a esmola. Estas tres consignas penitenciais son interactivas, de xeito que cultivar unha sen as outras indicaría unha mala comprensión do que son e significan as tres. Non é verdadeira penitencia a que se fai separando vitalmente oración, xaxún e esmola. Acaba resultando falsa e hipócrita a oración que esquece o próximo ou que ignora os irmáns na fe. Igualmente resulta ridículo e carente de significado o xaxún (e a abstinencia) que se reduce a unha práctica de ascese elitista ou meramente ritual. De nada vale tampouco a esmola que se fai sen comprensión e misericordia co pobre.
CONVERSIÓN E NOVAS ACTITUDES
A Coresma anual debe recuperar na vida dos cristiáns o seu significado orixinal: é o camiño que a comunidade cristiá fai con aqueles que se van bautizar na próxima Pascua. Con estes case novos cristiáns os “vellos” revivimos persoal e comunitariamente os mesmos compromisos: a vida en Cristo require abrir o corazón á alegría da Pascua, unha alegría que nace da aceptación de Xesús e da súa cruz como acontecementos de salvación. Aí empeza o camiño do cristián.
A fe no Señor resucitado é a única razón de fondo para que oremos con intensidade e confianza, para que nos privemos do superfluo (non só privarse da carne ou de comer), e para que compartamos co irmán necesitado o amor de Deus que Cristo pon en nós.
A Coresma debe significar a renovación da nosa identidade cristiá, a que se nos dá no Bautismo. A Coresma sérvenos para poñer ao día na vida os valores básicos do evanxeo, como son: o amor de Deus, a salvación en Cristo, a dignidade das persoas, a alegría da fe, a comuñón eclesial, a construción do reino de Deus, a Palabra de Deus escoitada e vivida, o anuncio e testemuño de Xesucristo, a fraternidade eucarística e dominical, etc.
A Coresma é o tempo da reciclaxe vital dos seguidores de Xesús.
A.G.V.
No hay comentarios:
Publicar un comentario