A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

28 sept 2012

O til - Culturalmente activos


A “ex-culturación” da fe
    Os cristiáns dos primeiros séculos vivían a fe nun contexto con valores e mentalidades moi distantes e contrarias aos criterios do evanxeo e do seguimento de Xesús. Naquela sociedade a fe dos cristiáns irrompía como desafiante novidade. Naquel mundo os cristiáns tiñan que saber explicarse (Cf. 1Pe 3, 15).
    Na nosa sociedade, coma noutros países, o proceso de secularización produciu a “ex-culturación” da fe. Hoxe os cristiáns constatamos que moitos presentan a fe como contraria ao progreso, á razón científica, á modernidade, á liberdade das persoas e dos pobos. Ao mesmo tempo, os saberes relixiosos e cristiáns que modelaron a sociedade europea (o calendario, as festas, o descanso dominical, os relatos bíblicos, etc) entran nunha fase de descoñecemento e de desprazamento: o Nadal convértese en “vacación de inverno”, a Semana Santa en “vacación de primavera”, as representacións relixiosas públicas (os “beléns”)  son eliminadas da escena ou reducidas interesadamente a mero folclore  -incluso as mellor amparadas na relixiosidade popular-. Poderiamos multiplicar os exemplos. Os crentes, no mellor dos casos, somos compadecidos pola nosa ignorancia e credulidade.  

A inculturación da fe,
a fe que crea cultura
    O labor pastoral da Igrexa no século XXI, inspirado na Nova Evanxelización, inclúe a necesidade de que os cristiáns sexamos “axentes de cultura”. Isto significa tamén  que toda a comunidade eclesial, desde Roma ata o máis remoto recunchiño onde haxa un cristián, ten un proxecto cultural que ofrecer: a opción de vida que ennobrece e dignifica as persoas.
    Neste sentido vanse producindo na Igrexa iniciativas que tentan responder a esta necesidade de repoñer na sociedade  ou sementar de novo a maneira cristiá de entender a vida. Non se trata dunha reconquista espiritual nin de obter un dominio sobre as xentes e países. Ese modelo da “vella cristiandade” está esgotado e hoxe, con criterios de evanxeo, claramente descartado, pese as nostalxias de reducidos grupos.
       Temos que ser visibles culturalmente. A fe ten que seguir inspirando e promovendo a música, as artes plásticas, o teatro, o cine, así como a investigación, a poesía e a comunicación. O cristián consciente apoiará coa súa asistencia e aportación económica as manifestacións artísticas e culturais, as publicacións e Medios onde se recoñece na súa fe, ou recoñece alomenos as sementes do Reino de Deus.
Saber explicarse (e comprenderse)
    Empeza un novo curso pastoral. Nas parroquias e noutras institucións os cristiáns somos chamados a participar en cursos de formación moi variada: teoloxía, sagrada escritura, documentos do Maxisterio, catequese de adultos, ciclos de conferencias, etc. O cristián adulto de hoxe non pode pechar os ollos, nin a intelixencia nin o corazón ao mundo no que vive. Temos que saber explicarnos. Non nos podemos permitir deixar sen resposta as preguntas do corazón, as do noso e as dos que veñen onda nós en procura de orientación e sentido.
    Hoxe, coma sempre, “dar razón da nosa esperanza” é un exercicio nobre de amor fraterno. E implica ser honrado e sincero cun mesmo.
    Por iso non podemos eludir o deber de formarnos. Temos de gustar a tarefa permanente de coñecer e amar cada día máis o Señor, o noso Mestre e Sabedoría.
A.G.V.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario