A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

6 oct 2012

O til : o ano da fe


O ANO DA FE
     O día 12 de outubro o noso arcebispo, Mons. Xulián Barrio,  presidirá na catedral unha Eucaristía coa que se inaugura o Ano da fe na diocese de Santiago.
     Xa  hai un mes publicou tamén unha Carta Pastoral sobre O ano da fe, subtitulada coa bendición pascual de Xesús:  “Benia os que creron sen veren” (Xn 20, 29).
     O ano da fe é iniciativa do Papa Bieito XVI, que a xustifica así no seu documento “Porta fidei”, A porta da fe.
Á luz de todo isto, decidín convocar un Ano da fe. Comezará o 11 de outubro de 2012, no cincuenta aniversario da apertura do Concilio Vaticano II, e rematará na solemnidade de Xesucristo, Rei do Universo, o 24 de novembro de 2013. Na data do 11 de outubro de 2012, celebraranse tamén os vinte anos da publicación do Catecismo da Igrexa Católica, promulgado polo meu Predecesor, o beato Papa Xoán Paulo II, coa intención de ilustrar a todos os fieis na forza e beleza da fe (Porta Fidei, 4).
     Acontece xeralmente que os documentos do papa e as cartas pastorais do bispo son textos descoñecidos para os membros da comunidade cristiá, os seus destinatarios propios. Ás veces, como xa temos dito aquí noutras ocasións, empregan unha linguaxe selecta, teoloxicamente correcta pero difícil de comprender para moitos lectores.
       Neste caso podemos dicir que tanto o Papa coma o arcebispo fixeron un exercicio de sinxeleza e a lectura de ambos os dous documentos son bastante fáciles de ler.
     A porta da fe, o documento de Bieito XVI,  ten un  empezo engaiolante, como se pode comprobar:
     «A porta da fe» (cf. Hch 14, 27), que introduce na vida de comuñón con Deus e permite a entrada na súa Igrexa, está sempre aberta para nós. Crúzase ese limiar cando a Palabra de Deus se anuncia e o corazón déixase plasmar pola graza que transforma. Atravesar esa porta supón emprender un camiño que dura toda a vida. (PF 1).

ALGÚNS TEXTOS DE  “PORTA FIDEI”
(Bieito XVI)

    Mentres que no pasado era posible recoñecer un tecido cultural unitario, amplamente aceptado na súa referencia ao contido da fe e aos valores inspirados por ela, hoxe non parece que sexa xa así en vastos sectores da sociedade, a causa dunha profunda crise de fe que afecta a moitas persoas (PF 3)

    Debemos descubrir de novo o gusto de alimentarnos coa Palabra de Deus, transmitida fielmente pola Igrexa, e o Pan da vida, ofrecido como sustento a todos os que son discípulos de Cristo (cf. Xn 6, 51) (PF 4).

    A renovación da Igrexa pasa tamén polo testemuño ofrecido pola vida dos crentes. (PF 6).

      Por iso, tamén hoxe é necesario un compromiso eclesial máis convencido en favor dunha nova evangelización para redescubrir a alegría de crer e volver atopar o entusiasmo de comunicar a fe. (PF 7).

     Ao longo do Ano da fe teremos a oportunidade de confesar a fe no Señor Resucitado nas nosas catedrais e igrexas de todo o mundo; nas nosas casas e coas nosas familias, para que cada un sinta con forza a esixencia de coñecer e transmitir mellor ás xeracións futuras a fe de sempre. Neste ano, as comunidades relixiosas, así como as parroquiais, e todas as realidades eclesiais antigas e novas, atoparán o xeito de profesar publicamente o Credo (PF
8).

      A..G.V

No hay comentarios:

Publicar un comentario