A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

30 nov 2012


“Ningún belén renunciará ao boi e á mula” (Bieito XVI)

A cuestión da mula e o boi
O pasado día 23 de novembro estaban xa as castañas ben torradiñas e ía empezar o magosto parroquial, cando un fregués me comentou a gran novidade do día: no seu libro sobre a infancia de Xesús o Papa escribira que non había nin mula nin boi onde naceu. O asombro incluía unha total disconformidade co Papa por facer públicas esas ideas, “aínda que fosen certas”.  
        Que din os evanxeos?

O nacemento de Xesús aparece nos evanxeos de Mateo e de Lucas.
En Mateo, no capítulo 1, despois de referir as dúbidas de Xosé,  lemos: 
Acordou Xosé do seu soño e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo a súa prometida, e sen que a tocase, ela deu a luz un fillo. El púxolle de nome Xesús. (Mateo 1, 24-25) 
De seguido, no capítulo 2, Mateo ofrécenos a exclusiva da adoración dos magos de Oriente, con este empezo:
Xesús naceu en Belén de Xudea, en tempos do rei Herodes (Mateo 2, 1). 
En resumo, por Mateo, salvo o nome da cidade, non sabemos nada do lugar onde naceu Xesús nin se di cousa dos animais. 

San Lucas é máis concreto e preciso. Cóntanos que o empadroamento foi a razón de que María e Xosé estivesen en Belén e engade:
E resultou que estando alí, chegoulle o tempo do parto e deu a luz o seu fillo primoxénito. Envolveuno nuns capizos e deitouno nunha manxadoira porque dentro da pousada non había lugar para eles (Lucas 2, 6-7)
Como vemos, o evanxelista Lucas informa de que María e Xosé non están ben aloxados nin dispoñen de berce para o neno recén nacido. Para deitalo teñen que valerse dunha comedeira ou presebe dos animais.
  O lector supón que ou ben están nunha corte do gando ou,   no mellor dos casos, nun alpendre, pois tamén nos alpendres pode haber unha comedeira para o gando. Dos animais, nin palabra. 

         Que dixo o Papa
A comedeira fai pensar nos animais, pois é alí onde comen. No evanxeo non se fala neste caso de animais. Pero a meditación guiada pola fe, lendo o Antigo e o Novo Testamento relacionados entre si, encheu moi pronto esta lagoa, remitíndose a Isaías 1,3: “o boi coñece o seu amo, e o asno o presebe do seu dono; Israel non me coñece, o meu pobo non comprende ". (Páx. 76)
O Papa afirma, daquela, que a falta de alusións aos animais no evanxeo foi cuberta pola piedade popular, grazas á reflexión bíblica. En conclusión, o Papa non só non quita dos beléns tradicionais a mula e o boi, senón que, ademais de darnos un argumento bíblico que reforza o costume de poñelos no belén, o recomenda expresamente: Ningunha representación do nacemento renunciará ao boi e á mula (A infancia de Xesús, páxina 77).

 O PORQUÉ DO BARULLO CO PAPA 
POR CAUSA DA MULA E DO BOI
O barullo nace co escándalo dun xornalista que se sorprende de que o Papa afirme que, como demostramos aquí, no relato do nacemento de Cristo os evanxeos non falan de animais. A ignorancia do xornalista, difundida coa mesma ignorancia, deixou ao descuberto a lamentable ignorancia de moitos cristiáns e a necesidade de formación bíblica e catequética. 


1 comentario:

  1. Tes toda a razón, Andrés, sobre todo no último. Un saúdo e feliz entrada de Advento!

    ResponderEliminar