A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

9 may 2013

TESTEMUÑAS DA FE NO MUNDO - PENTECOSTE, DIA DA ACCION CATOLICA E DO APOSTOLADO SEGRAR


Esta é a hora do Espírito,  canta un himno da Liturxia das Horas.  O día 19 de maio os cristiáns festexamos a pascua do Espírito Santo. En Pentecoste o Espírito do Señor arde no corazón dos apóstolos para que leven o anuncio de Xesucristo ao mundo enteiro. Ese é tamén o Día do Apostolado Segrar e da Acción Católica.
Hai tempo que estas  expresións, Apostolado Segrar e Acción Católica,  son  menos  frecuentes nas homilías e na fala coloquial das parroquias. Para moitos incluso resultarán novidosas, ou rancias.   A palabra "Apostolado", no senso de acción evanxelizadora  e testimonial da fe, cedeu paso a evanxelización, misión, testemuño, compromiso. A "Acción Católica", nome común dos movementos laicais en dependencia directa dos bispos diocesanos, recoñecida como organización oficial da Igrexa, ten para algúns o recendo do  nacionalcatolicismo. Non falta quen a considera desaparecida ou, en todo caso, reducida a grupos nostálxicos  e avellentados.

O APOSTOLADO
As cousas están lonxe de ser así. A palabra Apostolado designa moi ben o carácter misioneiro que a fe de todo bautizado ten de seu, por si mesma, polo feito de crer en Cristo. Literalmente "apóstolo"  equivale a "enviado". Xesús autodesígnase o  "apóstolo" do Pai. Aos Once, xa resucitado, dilles que os "envía" igual que o Pai o enviou a el. O mandato misioneiro ou "apostólico" pecha os evanxeos de Mateo e de Marcos: "Ide polo mundo enteiro..."  A Igrexa como tal recoñécese "apostólica" porque naceu da fe dos apóstolos de Xesús pero tamén porque a súa razón de ser é a acción evanxelizadora,  pois é enviada  a pregoar o evanxeo ao mundo enteiro.  A expresión "facer apostolado"  garda un certo cheiro de proselitismo, porque o apostolado non é unha consigna para facer socios, senón a misión que nos nace da alegría persoal da fe e da necesidade de compartila.
O "apostolado"  de todo cristián consiste en vivir a fe e dar testemuño dela nos ambientes en que vive. Ese compromiso leva á necesidade de asociarse, de compatir con outros irmáns na fe os ideais, a oración, a formación e proxectos. O "Día do Apostolado Segrar"  promove esta necesidade de agruparnos, de contar cos outros, de sentirnos confortados e animados por cristiáns con similar chamada e sensibilidade. Así, é como temos a riqueza plural de Grupos, Asociacións, Confrarías, Movementos, etc, que favorecen a acción misioneira dos segrares. É urxente e necesario que os crentes se asocien entre si e se reúnan en pequenos grupos.
A ACCIÓN CATÓLICA
   A Acción Católica ten a honra histórica de irse inmolando ao tempo que mantiña viva na sociedade española do tardofranquismo as reivindicacións dos dereitos cívicos e da dignidade de todas as persoas. Dela nacen, nos anos cincuenta, Cáritas e, na década seguinte, Mans Unidas. Outras asociacións, como Cursillos de Cristiandade, teñen tamén o vínculo oficial co pastor diocesano e padeceron o mesmo cribo da Acción Católica.
Hoxe seguen sendo a organización laical oficial da Igrexa. Os bispos españois encoméndanlle a Acción Católica Xeral a tarefa de artellar nas parroquias unha rede laical de nenos, mozos e adultos para dotalas dunha estructura dinámica que as abra ás realidades do entorno veciñal. Un proxecto complexo pero ilusionante. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario