A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

23 jun 2012

MAGNATES SEN GRANDEZA (Andres G.V.)


Co tema da crise económica ando moi confundido, asombrado e sorprendido. Confundido, porque non me é doado comprender o que está pasando desde hai xa catro anos na economía mundial, especialmente no mundo das grandes empresas, bancos, axencias,  que negocian cos cartos confiados polos aforradores, accionistas e investidores.  A palabra magnates está demasiado próxima á palabra mangantes. 
Tamén estou asombrado pola chea de movementos que teñen os cartos. Non recordo terme parado a pensar que os estados e as súas institucións intermedias, autonomías e concellos, tamén andan “ao fiado”,  como andaba a miña familia nos anos cincuenta, cando a duras penas o xornal de meu pai chegaba para o aluguer da vivenda e para o pan de cada día. De neno non fixen buracos no cinto para apertalo porque os pantalóns infantís tiñan tirantes. E por iso os pantalóns, por frouxos que estivesen,  non caían. Aí é onde aparece sempre con ollos de mal durmir  a “prima de risco”, unha parente que se nos meteu na casa e devora os nosos bens facendo imposible que cheguemos con sosego a fin de mes. É tan aproveitada que nin sequera nos permite  vivir “ao fiado”.

22 jun 2012

O evanxeo da festa do San Xoán

Un neno que nace coma verdadeiro agasallo de Deus. No seu cántico agradecido o pai, Zacarías, profetiza: E ti, meu meniño, serás chamado profeta do Altísimo, porque irás por diante do Señor preparando os seus camiños... 

San Xoán. Lc 1, 57-66.80


Festividade de San Xoán Bautista



Hoxe padecemos necesidade de profetas, soñadores, persoas ilusionantes.... SEguro que, como se di das meigas, habelos hainos, pero ¿por que soa tan apagada a súa voz? ¿Por que non se oen as súas palabras?
En que denuncias están comprometidos e por iso non sabemos deles? Que esperanzas nos están anunciando  que nós non comprendemos?  Cada cristián é de seu, polo bautismo, profeta. O Señor puxo no seu corazón e nos seus labios a súa Palabra, a boa nova da salvación, da plenitude humana e da humanidade... ¿Ulos profetas?


17 jun 2012

Colecta de Cáritas - Xuño


A colecta de Cáritas parroquial foi de 714,87 correspondente ao primeiro domingo de xuño. 
A colecta extraordinaria do  Corpus, Día Nacional da Caridade, foi de 810,59 euros. Esta última vai íntegramente para Cáritas diocesana de Santiago. 

15 jun 2012

Evanxeo do Domingo XI do Tempo Ordinario (B)

O don de Deus crece e a súa graza aparece, non polo noso esforzo. Abonda coa confianza e a seguridade de quen sabe que trala noite amañece un novo día.Esa é a confianza de  quen sementa. Na sementeira Deus conta connosco... O crecemento e mais a colleita son cousa del.

Dom XI TO B. Mc 4, 26-34