A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

1 oct 2011

Domingo XXVII A: SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO ( 21, 33-43)

Naquel tempo, díxolles Xesús ós sumos sacerdotes e ós anciáns do pobo:
           ‑  Escoitade outra parábola:
Dunha vez había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo, arrendóullela a uns viñadores e marchou para lonxe.
Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados ós viñateiros, para cobra-las rendas. Pero os viñateiros agardáronos, e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outro apedrárono. De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.
Por último, mandóulle-lo seu propio fillo, dicindo para si: "O meu fillo hano respectar". Pero os viñateiros, ó veren o fillo, comentaron: "Este é o herdeiro: veña, matémolo, e a herdanza será nosa". E agarrárono, botárono fóra da viña, e matárono.
‑ Ben, ¿e cando veña o señor da viña, que fará cos viñateiros aqueles?
Respondéronlle:
‑ A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendarálle-la viña a outros viñateiros, que lle paguen as rendas no seu tempo.
Díxolles entón Xesús:
‑ ¿Seica non lestes nunca na Escritura:
A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal:
esa pedra colocouna o Señor, ¡que regalía para nós!?
Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus, e daráselle a un pobo que produza bos froitos. 
            
            Palabra do Señor / Loámoste, Cristo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario