A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

4 may 2012

O til - Cáritas (Pobo de Deus nº 664)



 Cáritas non é da Igrexa, é a Igrexa
     Son frecuentes nas tertulias radiofónicas e televisivas as referenzas a bispos e cregos máis ou menos afortunados nas súas declaracións e homilías. Case sempre algún opinante modera a súa condena establecendo o que lle parece unha cualificada distinción entre a chamada “Igrexa oficial” fronte á “Igrexa de base”. Na primeira estarían o Papa, coa súa curia vaticana, os bispos e, sobre todo, a súa expresión colexiada que é a Conferencia Episcopal, co seu presidente actual en primeirísmo punto de mira. A expresión “Igrexa de base” é menos precisa. Aquí comprendémola como sinónimo da Igrexa das parroquias e crentes practicantes, os cristiáns de a pé.
     En contraposición ás figuras estiradas e murchas dos bispos e da “Igrexa oficial” é frecuente escoitar dos tertulianos mediáticos un afervoado aprezo polo labor de Cáritas neste momento de crise económica.  
     Cáritas ten como finalidade ser testemuño da fraternidade da comunidade cristiá con todas as persoas, en especial coas máis empobrecidas e excluídas, optando por unha sociedade máis solidaria, xusta e participativa.
     Cáritas non é unha ONG favorecida ou promovida pola Igrexa “oficial”. Cáritas é tan “oficial” como unha catedral, a curia dunha diocese, un seminario ou unha parroquia. En cada diocese o máximo responsable de Cáritas é  o bispo.
O funcionamento de Cáritas
     Cáritas, logo,  é a expresión organizada das comunidades cristiás máis elementais, as parroquias, para facer a comunicación de bens e mostrar a súa solicitude polo próximo necesitado. As parroquias colaboran entre elas e así constítúen as Cáritas Interparroquiais. O bispo coordina este labor desde a Cáritas Diocesana. As dioceses, neste caso españolas, confedéranse e configuran a  Cáritas Española.
     Cáritas funciona con gran eficacia porque é a Igrexa entre as casas dos veciños.
     Na Cáritas parroquial aténdense as necesidades primarias do alimento, a vivenda, a saúde (medicinas), traballo (orientación e bolsas), ben resolvendo, ben orientando as posibles solucións. Este funcionamento parroquial é garantía de eficacia e de cautela  fronte ás pillerías ou enganos dos aproveitados. Quen chega pedindo axuda a unha Cáritas parroquial sempre é remitido á parroquia do seu domicilio.
     Cáritas séntese animada por unha misión permanente e irrenunciable: ser igrexa pobre e para os pobres. A dignidade inviolable da persoa e a total oposición a todas as formas de pobreza, opresión, inxustiza e desigualdade social son os principios dirixentes do labor de Cáritas Española.
     As Cáritas Interparroquiais e Diocesanas, e moi especialmente Cáritas Española, atenden os problemas que superan a capacidade dunha parroquia e crean servizos diversos en función dos colectivos máis indefensos, desde comedores e albergues ata programas de promoción das persoas e centros de formación propios, coma o modélico Centro Violetas de Cáritas Interparroquial da Coruña, sen descoidar os estudos e publicacións necesarios para coñecer as realidades, dalas a coñecer  e crear programas de atención sobre elas.
Recomendamos ao lector interesado as páxinas web seguintes:
A.G.V.

1 comentario:

  1. Quitáchesme as palabras da boca, Andrés!! Unha apertiña.

    ResponderEliminar