Detengamos la
crisis, Las perversiones de un sistema que podemos cambiar. Arcadi Oliveres.
Coleccion Sinergia, 43. Ed. Fundación Emmanuel Mounier. Madrid 2012.
Acabo de
recibir este libro de pequeno formato e en canto o abrín xa non o puiden
deixar. É un texto apaixoado, cheo de anécdotas sintomáticas, pero cunha lóxica
e coherencia interna que se agradecen. Un libro que –coma outros da Fundación
Mounier- merece unha difusión e unha
distribución moito más ampla que a reducida aos subscritores.
O autor
O autor é
Arcadi Oliveres, de quen un coñecido xornalista de información relixiosa
escribía hai xa máis dun ano: Está a facer estrago en Youtube, un video (en
dúas partes) dunha conferencia de Arcadi Oliveres, economista español e
recoñecido activista cristián pola xustiza social e a paz.
Leva unhas poucas
semanas na Rede e xa ten, nestes momentos, 636.509 visualizacións. E segue
sumando visitas por miles cada día. E iso que se trata dun video de denuncia
sobre a situación, o presente e o futuro da economía mundial e da inmigración
(J. M. Vidal). Na actualidade as visitas a estes vídeos superan o dobre da antedita
estimación. O enlace para os ver, que se transcribe todo seguido, sen espazos
no medio de letras nin números , é o seguinte: <www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=VlelJa79Juo>.
Arcadi
Oliveres non escribe nin fala como o podería facer un afeccionado máis ou menos
informado. É doutor en Ciencias Económicas, autor de varios libros da súa
especialidade, profesor da Universidade Autónoma de Barcelona e actual presidente de Justícia i Pau,
organismo dependente da diocese de Barcelona.
O libro
Igual que
todos os libros da colección Sinergia, o presente é un libro de formato
pequeno, de peto, con 135 páxinas de texto. Cada capítulo vai repasando os
puntos fortes da crise: as finanzas, o consumismo, a vivenda, o desemprego, o
déficit de democracia, as paranoias da sociedade e os conflitos internacionais.
Cada capítulo ten dúas partes: na primeira o autor describe fluidamente os
problemas e acompáñaos con valoracións éticas e sociopolíticas; na segunda,
titulada “Os medios para combater”, fainos un chamamento ao comportamento
responsable fronte ás perversións e corrupcións causantes ou influentes na
crise.
Estes medios
son a resposta pensada para a xente, para os cidadadáns, para todos os que
sentimos o deber de facer algo e ao mesmo tempo lamentamos a escasa influencia social e cívica das nosas
actitudes e decisións persoais.
Son propostas
asequibles, entre elas: reforzar co noso aforro a banca ética (Fiare, Triodos),
o comercio xusto, a soberanía alimenticia, compartir e repartir as horas de
traballo, máis austeridade persoal e familiar, promover coas nosas decisións as
enerxías renovables e reducir as contaminantes e caras, aproveitar o uso e
consumo de produtos de segunda man, apoiar e promover as cooperativas fronte ao
imperio das sociedades anónimas, procurar boa información por medio das ONGs e
de páxinas escollidas de Internet, reducindo así a manipulación das grandes
cadeas e medios de comunicación. E un longo e lúcido etcétera de propostas e
suxesións.
Indignados
Non nos
estrañemos de que moitas destas reflexións e interpelacións coincidan coas dos
“indignados” do mundo e do 15-M español.
Coñezo persoas que comparten moitas das razóns destes movementos pero resístense a apoialas porque constatan a
interferencia polo medio de organizacións nada simpáticas para nós cobizosas de
levar a auga ao seu muíño. Así son as realidades do mundo, ambiguas, con luces
e sombras. Non temamos as tebras. Sexamos luz no medio delas.
A.G.V.
Querido Andrés, formo parte dese grupo de persoas citadas na frase "Coñezo persoas que comparten...".
ResponderEliminarUn saúdo fraternal cheo do Espírito.