A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

5 abr 2013

Sínodo: somos un pobo que camiña


Pregúntome se os cristiáns somos  conscientes do que dicimos cando declaramos no Credo: Creo no Espírito Santo, na santa Igrexa Católica, na comuñón dos santos...  
     Son palabras repetidas, recitadas ás veces con monotonía rutineira, pero palabras  que abren os contidos da fe a horizontes sen fin, pois “o Espírito sopra onde quere”.
     Son tamén palabras que expanden a fe persoal ata a amplitude comunitaria e católica, é dicir, que me poñen en verificación, pois o meu crer non é unha ilusión ou crenza miña, senón da igrexa toda, esta nosa igrexa  que cre, predica, anuncia e vive a Xesucristo en todos os recunchos do mundo, reunida e guiada polos seus bispos, sucesores dos apóstolos.
         Neste recuncho europeo e fisterrán onde se asenta a diocese de Santiago o noso arcebispo vén de convocar un sínodo.  

     No día da Nosa Señora do Pilar de 2012 publicaba D. Xulián unha carta pastoral na que, nos parágrafos finais, dicía:
A nova evanxelización incúmbenos a todos... Por iso convócovos e animo a todos os cristiáns da nosa Igrexa diocesana de Santiago para que vos sintades concernidos e corresponsables neste acontecemento. Que non haxa ningún cristián, ningún grupo ou institución que non se vexa implicado nin mergullado no dinamismo deste sínodo diocesano (Mons. Barrio, Carta pastoral  Renovarnos desde Cristo camiñando en comuñón, n. 59).
DA INERCIA Á IMPLICACIÓN
  Noutra mensaxe o arcebispo recoñecía unha atmosfera de  desfondamento e perda de ánimo na sociedade e nos ambientes eclesiais. Todos temos detectado ese decaemento en sancristías e reunións de grupos de toda clase. Tamén é frecuente compartir a necesidade dunha renovación vigorosa, pero que se apraza, que un non nega pero na que tampouco se implica. Nin nos move nin nos provoca, porque nos colle desalentados, faltos de vibración para poñer máns á obra. O arcebispo non se resigna a esta pasividade:
Non se me oculta que nalgúns a reacción inicial ao ter noticia da convocatoria do sínodo foi de certo escepticismo, quizais non de todo inxustificado. (...)  Pero sei moi ben que o éxito deste tempo de graza que se presenta ante a nosa igrexa diocesana depende en boa medida de vós.
Entusiasmádevos para saber entusiasmar, implicádevos para saber implicar, esperade para saber transmitir esperanza (Mons. Barrio, en Barca de Santiago 10, 2013).
   O Sínodo diocesano ten un lema: Renovarnos en comuñón desde Cristo. Esta chamada fai ineludible a nosa implicación e participación. 
   Quen se nega a renovarse, como Igrexa, en e desde  Cristo?

No hay comentarios:

Publicar un comentario