Despois de tres anos como responsable do programa Santa Misa da TVG quero compartir cos amigos lectores o criterio que nos guía neste labor e determina o estilo de celebración que sae pola pantalla da “galega” cada domingo.
Desde 1991 un Convenio entre os bispos de Galicia e a TVG regula as decisións dos responsables da canle autonómica sobre os programas e as retransimións dos actos de culto católicos. Nese mesmo Convenio a TVG obrígase a incluír unha programación relixiosa e di que os seus directivos “evitarán, no posible, a coincidencia horaria destes programas cos do mesmo carácter que emitan a Televisión Española ou outras canles privadas”.
¿Misa para a televisión
ou retransmisión da Misa?
Ao longo do ano, en diversas festividades e conmemoracións nas que está implicada a sociedade galega como tal, a TVG retransmite os actos relixiosos pertinentes. Neste capítulo entran a Misa da Ofrenda ao Apóstolo en Santiago, ao Santísimo en Lugo, os actos presididos polo Papa na súa recente visita a Galicia, as procesións de Semana Santa, etc. Nestas ocasións a televisión encontra unha liturxia solemne, unha variedade, beleza e cor que as cámaras agradecen e que lle ofrecen ao realizador numerosos recursos para lograr unha retransmisión de ritmo sostido e áxil.
A misa das dez da mañá de calquera parroquia galega, vilega ou rural, dista moito da riqueza plástica das misas das grandes festas. Por ser televisada poderiamos pensar que é necesario darlle á celebración o atractivo emprestado de coros xuvenís, de numerosos e vistosos acólitos, dun repertorio musical de alto nivel, dunha asemblea litúrxica participativa e alegre. Pero o obxectivo da retransmisión da Misa non é outro que achegar a eucaristía aos que non poden acudir a ela na realidade da comunidade de fe. Por iso debemos lograr que a televisión retransmita unha Misa “real” e lles facilite aos telespectadores unirse á asemblea concreta que está celebrando a Misa. Os que participamos na Misa soamente debemos pensar en vivila, coma se non houbese cámaras alí. Os técnicos que a emiten deben comunicar a vibración interior dos alí reunidos no nome do Señor.
A ampla e fiel aceptación de que goza a Santa Misa da TVG está indicándonos que estamos acertando. Caben –seguro- moitas melloras. Pero, polos testemuños que nos chegan, sabemos que os que nos ven “entran” na celebración e vívena escoitando, rezando e cantando connosco.
Esa comuñón na fe é o noso mellor premio.
A.G.V.
No hay comentarios:
Publicar un comentario