A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

28 jul 2011

A Misa televisada (O til, Pobo de Deus 644). AGV

Despois de tres anos como responsable do programa Santa Misa da TVG  quero compartir cos amigos lectores o criterio que nos guía neste labor  e determina o estilo de celebración que sae pola pantalla da “galega”  cada domingo.  
     Desde 1991 un Convenio entre os bispos de  Galicia e a TVG  regula as decisións dos responsables da canle autonómica sobre  os programas e as retransimións dos actos de culto católicos. Nese mesmo Convenio a TVG obrígase a incluír unha programación relixiosa e di que os seus directivos  “evitarán, no posible, a coincidencia horaria destes programas cos do mesmo carácter que emitan a Televisión Española ou outras canles privadas”.
  
¿Misa para a televisión
ou retransmisión da Misa?
     Ao longo do ano, en  diversas festividades e conmemoracións nas que está implicada a sociedade galega como tal, a TVG  retransmite os actos relixiosos pertinentes. Neste capítulo entran a Misa da Ofrenda ao Apóstolo en Santiago, ao Santísimo en Lugo, os actos presididos  polo Papa na súa recente visita a Galicia, as procesións de Semana Santa, etc. Nestas ocasións  a televisión encontra unha liturxia solemne, unha variedade, beleza e cor que as cámaras agradecen e que lle ofrecen ao realizador numerosos recursos para lograr unha retransmisión de ritmo sostido e áxil.
     A misa das dez da mañá de calquera parroquia galega, vilega ou rural, dista moito da riqueza plástica das misas das grandes festas. Por ser televisada poderiamos pensar que é necesario darlle á celebración o atractivo emprestado de coros xuvenís, de numerosos e vistosos acólitos, dun  repertorio musical de alto nivel, dunha asemblea litúrxica participativa e alegre. Pero o obxectivo da retransmisión da Misa non é outro que achegar a eucaristía aos que non poden acudir a ela  na  realidade da comunidade de fe.  Por iso debemos lograr que a televisión retransmita unha Misa “real” e lles facilite aos telespectadores unirse á  asemblea concreta que está celebrando a Misa.  Os que participamos na Misa soamente debemos pensar en vivila, coma se non houbese cámaras alí.  Os técnicos que a emiten deben comunicar a vibración interior dos alí reunidos no nome do Señor.  
     A ampla e fiel aceptación de que goza a Santa Misa da TVG está indicándonos que estamos acertando. Caben –seguro- moitas melloras. Pero, polos testemuños que nos chegan, sabemos que os que nos ven “entran” na celebración e vívena escoitando, rezando e cantando connosco.
     Esa comuñón na fe é o noso mellor premio.
     A.G.V.

No hay comentarios:

Publicar un comentario