A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

5 jul 2012

Unha tarefa parroquial: ofrecer espazos e momentos de encontro con Deus


Son moitas as tarefas e actividades que unha parroquia ten que atender, pero hai unha que nunca pode faltar. É tan obvia e tan indispensable que, se cadra, por dala como sobreentendida, non somos conscientes dela e non a atendemos como cómpre. Todas as comunidades cristiás teñen que ofrecer a todas persoas a ocasión e o momento de encontrarse con Deus. Se detectamos esta carencia, a urxencia de revisión e conversión pastoral é inaprazable. Quen se achega a unha parroquia -a calquera outra institución ou asociación de cristiáns- non debería saír sen ter sentido alí a chamada a vivir a experiencia gozosa da fe.

A acollida
     A acollida é o primeiro esforzo de conversión pastoral e misioneiro que debemos vivir os cristiáns. E estimulalo e coidalo.
Trátase de favorecer en todos unha sensiblidade, unha mirada de favor, de alegría, ante as persoas que aparecen pola parroquia: para unha xestión, para unha información, para unha celebración, para a catequese. Trátase do esforzo contra a rutina, a inercia, a inconsciencia e a resignación. Os destinatarios son variados e algúns comparten a fe de quen os acolle. Moitos non. Os pais que solicitan o bautismo, os nenos que empezan a catequese, as persoas que asisten por razóns familiares ou sociais a un casamento ou a un funeral, todas estas persoas, ao achegarse á Igrexa, deberán encontrarse cunha invitación coa que posiblemente non contaban. Deus xa os levou ata alí. A insistencia de Deus irá envolta  na actitude de quen acolle. Ademais Deus está suscitando no acolledor a simpatía e mais a sensibilidade que modifican a súa ollada.  O sacerdote, o catequista, o informador, o copartícipe na celebración, poden ser en todos estes casos a voz e a man do Señor que chama e reclama a resposta de seus fillos. O bo exercicio da acollida non se improvisa nin responde a criterios de marketing ou de estrita cortesía nin, moito menos, á procura do éxito ou popularidade baseada nas relacións públicas. A acollida nace e crece nun estilo de espiritualidade na que se cultivan a consciencia  da dignidade das persoas, a primacía dos humildes, dos pobres e dos convencionalmente incultos, e tamén a humildade persoal de quen segue a aquel Señor que non veu para que o servisen senón para servir.
ESPAZOS DE EXPERIENCIA DE FE
OU ENCONTRO CON DEUS
     Non nos referimos de entrada –nin a excluímos- á celebración litúrxica, sacramental. Xa teremos a oportunidade de compartir a importancia pastoral das celebracións ben coidadas e expresivas da fe da Igrexa.
     Hoxe hai moita sede de Deus e moita necesidade de fontes onde saciala. Esta sede de espiritualidade, que pode parecernos pouco definida, sincretista e ambigua, recibe ofertas de satisfacción moi superficial, é fácil de manipular, pero manifesta o baleiro fondo que se asentou na vida de moitas persoas, maiores e novas. Xa nos temos referido aquí aos que “veñen de volta” cunha fe recuperada e depurada despois da travesía escura e dorosa da increnza ou da indiferenza. Nas nosas comunidades non debe faltar o ofrecemento explícito, con horario, con programa, da oración. Unha oración sosegada, con intensidade de silencio, apoiada na Palabra de Deus, singularmente nos evanxeos, fuxindo da monotonía e da recitación mecánica, onde os participantes saboreen a riqueza do seu propio corazón e recoñezan as pobrezas da súa vida. Temos, logo, que integrar nos horarios parroquiais momentos ou espazos de oración abertos, que satisfagan a necesidade do cristián practicante e do que está “buscando”.
     Ademais, quen se achega á comunidade crente debe atopar nela os medios para emprender o seu itinerario espiritual de resposta. É necesario que encontre, logo, o amigo, compañeiro, sacerdote ou leigo, que o acompañe, oriente, aconselle.
     A.G.V

No hay comentarios:

Publicar un comentario