Seguimos
vendo cales son os cambios na sociedade, na cultura e nos modos habituais de
pensar de moitas persoas, coa axuda da Guía de Traballo ou, en latín, “Lineamenta”
do Sínodo sobre a Nova Evanxelización. Eses cambios son os “novos escenarios” da
evanxelización. No número anterior de POBO DE DEUS describimos os tres
primeiros: a secularización, a
globalización e os medios de
comunicación.
O cuarto escenario que afecta cos seus
cambios a acción evanxelizadora da Igrexa é o económico. Faltan
criterios de verdadeira humanidade no funcionamento da economía no mundo
enteiro. A complexidade das ligazóns económicas facilita o abuso de poder e os
comportamentos máis inmorais e perniciosos. A Igrexa, portadora da boa noticia, sabe que lle
foi confiada a defensa dos pobres, non soamente de palabra senón en accións
concretas.
Preguntámonos: Son os pobres e os seus dereitos e dignidade
preocupación e tarefa das nosas comunidades e asociacións?
O quinto escenario é o da investigación
científica e tecnolóxica.
Vivimos
nunha época na que xa perdemos o asombro ante os incesantes pprogresos neste
eido. Así, a ciencia e a tecnoloxía son para moitos unha nova relixión.
Espérase delas que respondan as preguntas máis fondas sobre a persoa, a verdade
e o sentido da esperanza. Para moitos a ciencia é unha forma de sabedoría,
capaz incluso de ofrecernos o sentido da vida.
Preguntámonos: Promovemos nos nosos ámbitos eclesiais o diálogo
ciencia-fe, a formación teolóxica dos leigos?
O sexto e último escenario é o
da política. Os Lineamenta do Sínodo
recoñecen que dende o Concilio Vaticano II ata hoxe os cambios políticos no
mundo son sintomáticos e definidores da nosa época.
Neste escenario, existen temas e
sectores que han de ser iluminados coa luz do Evanxeo: o empeño pola paz, o
desenvolvemento e a liberación dos pobos; o melloramento das formas de goberno
mundial e nacional; (...) a defensa dos dereitos do home e dos pobos, sobre
todo das minorías; a promoción dos máis débiles; a protección da creación e o
empeño polo futuro do noso planeta (Lineamenta 6).
Diante destes
escenarios xorden moitas preguntas, algunha inevitable: Que debe facer a Igrexa neste mundo en cambio?
Nunha
sociedade secularizada, globalizada, interconectada polos medios
de comunicación, dividida economicamente entre o luxo de
poucos e a miseria de moitos, seducida pola ciencia e a tecnoloxía,
con novas alianzas e conflitos políticos entre as nacións, ¿cal debe ser
a actitude dos cristiáns?
Na
Igrexa todos debemos asumir o compromiso da nova evanxelización. ¿Como? Avivecendo
a actitude profética da fe, exercendo o discernimento entre o bo, humano,
valioso, verdadeiro fronte ao malo, inhumano, vil, falso
Estamos
chamados –din os Lineamenta- a ser críticos cun mundo que ameaza e destrúe a
dignidade das persoas, e sen descoidar ao tempo a autocrítica sobre os nosos
comportamentos de crentes, na liña dunha verdadeira conversión.
Nova evanxelización significa exercer a audacia de poñer a
pregunta sobre Deus no interior desta sociedade, pois niso consiste a misión dos
cristiáns, da Igrexa. A Nova evanxelización esixe que nos
confrontemos con estes escenarios, non pechados nas nosas comunidades e institucións,
senón aceptando o desafío de entrar nas novas realidades humanas e, aí, tomar a
palabra e ofrecer o noso testemuño, o evanxeo.
A.G.V
No hay comentarios:
Publicar un comentario