A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

2 mar 2012

Qué é a "Nova evanxelización"? (AGV, cf Pobo de Deus, nº 659)

             O Papa Xoán Paulo II válese desta expresión para chamarnos á audacia evanxelizadora. Para el a Nova Evanxelización comprende unha comunicación de enerxías cara un novo fervor misioneiro e evanxelizador, primeiro na súa viaxe a Polonia e logo, en 1983 (xa choveu!) aos Bispos de América Latina. Ante estes expresouse así: “A conmemoración do medio milenio de evanxelización terá a súa significación plena se é un compromiso voso como bispos, xunto co voso presbiterio e fieis; compromiso, non de re-evanxelización, pero si dunha evanxelización nova. Nova no seu ardor, nos seus métodos, na súa expresión
Hoxe pídesenos a todos os cristiáns, ás Igrexas particulares e á Igrexa universal a mesma valentía que moveu os misioneiros do pasado e tamén a mesma dispoñibilidade para escoitar a voz do Espírito. A Nova Evanxelización é unha acción sobre todo espiritual, é a capacidade de facer nosos, no presente, a coraxe e a forza dos primeiros cristiáns, dos primeiros misioneiros.
Ao dicir “Nova evanxelización” referímonos ao esforzo de renovación que a Igrexa está chamada a facer para estar á altura dos desafíos que o contexto socio-cultural actual lle apón á fe cristiá, ao seu anuncio e mais ao seu testemuño, en correspondencia cos fortes cambios actuais.
         Ante estes desafíos a Igrexa non responde pechándose en si mesma senón renovándose desde dentro, poñendo no centro a Xesucristo, o encontro con El, e con El saír, coma os primeiros cristiáns, ao encontro de todas as persoas e culturas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario