LAUDES EN ZIORTZA
Cando empezaba o mes de agosto pasei tres días no mosteiro de Zenarruza ou Ziortza, antes de dirixirme a Lourdes.
Ziortza está no corazón de Biskaia, na vila dos devanceiros do liberador americano Simón Bolívar, quen, por certo, estando recén casado, pasou pola Coruña en 1802 para embarcarse rumbo a Venezuela. O mosteiro, rehabilitado e animado por unha comunidade de cistercienses procedentes de La Oliva, Navarra, ofrece albergue aos peregrinos e hospedaxe a quen desexa compartir cos monxes algún días de oración, fraternidade e silencio. Puiden constatar alí o incesante e esforzado ascenso dos peregrinos polas ladeiras do monte Oiz, algúns en bicicleta, con presenza numerosa de alemáns, a maioría mulleres, pois Ziortza está en pleno Camiño do Norte cara a Santiago.
Cada noite, despois do rezo litúrxico das Completas, ao que se sumaban os peregrinos, os monxes entoaban a Salve Regina e, de seguido, o prior despedía a comunidade e a todos os presentes rociándooos persoalmente, un por un, con auga bendita. Un xesto paternal e un signo de protección que nos levaba ao descanso sabéndonos fillos de Deus polo bautismo.
ÁNGELUS EN LOURDES
Xa en Lourdes, encontreime mergullado nun mundo enteiramente “católico”, anque aberto a todos, especialmente aos discapacitados, enfermos e humildes. En Lourdes o visitante enchóupase na corrente “católica” das augas eclesiais. Significativa e expresamente “católica” é a procesión co Santísimo a media tarde; “católico”, o rezo pousado e meditado do rosario mariano, ás nove do atardecer, con antorchas que se alzan ao canto da Ave María de Lourdes. Especial, emotivo e plenamente “católico” é o credo, con que se pecha o rosario, cantado en latin por miles de voces de diversa entoación e unha mesma fe. Católicos son a inmensa maioría dos peregrinos, que persoalmente ou en grupo, participan nas eucaristías que, en linguas diversas, se celebran en diferentes puntos do santuario ao longo de cada xornada.
AS VÉSPERAS EN TRASMAÑÓ
|
Atardecer nas illas Cíes, Vigo. |
Trasmañó está no alto de Chapela, na entrada de Vigo. Alí desde hai vintesete anos oran e laboran as monxas bieitas, que foron antes, desde o século XVI, alma e corazón da pontevedresa vila da Guarda, no esteiro do Miño. Recupero o silencio, a oración litúrxica, o contacto coa natureza, o compartir fraterno, e recargo as baterías do corazón. Grazas a estas monxas toda a ría de Vigo ecoa salmos e adormece en paz. A posta do sol sobre as Cíes culmina o atardecer e pon as Completas nas vacacións de 2011.A.G.V.
No hay comentarios:
Publicar un comentario