A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

18 ago 2011

Non se entende

Non nos sorprende que haxa persoas que non simpatizan coa Igrexa por moi diversas razóns:  por falta de fe; por unha fe moi persoal, "á carta", que non comparte a "católica" común;  por algún resentimento de experiencias relixiosas amargas que os deixaron feridos, por convencemento de ateísmo, por pensar que a relixión é unha deficiencia de perspectiva humana e carente da comprensión científica da natureza e da vida.
Non nos sorprende que estas persoas acusen aos bispos e demais eclesiásticos de manipuladores, soamente interesados en manter o "tinglado" da institucíón eclesial e de seguir controlando as conciencias dos incautos crentes.
Non nos sorprende que estas persoas se propoñan axudarnos aos crentes a liberarnos deses atavismos e infantilismos que nos fan víitimas da rapina eclesiástica.
Non nos sorprende que estas persoas  se nos presenten coma os verdadeiramente libres e liberados, lúcidos, carentes de represións internas ou externas que coarten as súas decisión libres.
O que nos sorprende é que nos  acusen aos crentes de intolerantes e opresores  e que eles se sintan lexitimados para apartarnos do noso extravío pola forza coactiva da calumnia, da mentira, do poder mediático, da caricatura ofensiva, da blasfemia feridora e de toda clase de malas artes e malos humores.
A Igrexa hai tempo que deixou de levantar fogueiras e queimar herexes ou ateos. Agora, parece que son outros os que senten a necesidade de impoñer aos demais a súa triste ideoloxía
Por favor, non se empeñen en "liberarnos" e permítannos ser, a pesar de todo, ilusos, inxenuos e portadores desta fe e desta esperanza: que o amor, a xustiza e a paz son dons que Deus nos segue dando e tarefas ás que nos segue chamando.

No hay comentarios:

Publicar un comentario