A parroquia

Somos a parroquia católica do barrio do mesmo nome na Coruña, España, arquidiocese de Santiago de Compostela. Estamos situados no tramo medio da Avenida de Fisterra e das rúas que a cruzan: Cidade de Lugo, Palomar, Paseo das Pontes, e os bloques de rúas en torno a Vista Alegre e mais ao viaducto da Ronda de Nelle, zona da Agra do Orzán ata a Gramela e Praza das Cunchiñas.

Pertencemos ao Arciprestado de Riazor na zona pastoral da Coruña. Estamos entre o Parque de Santa Margarida coa súa Casa das Ciencias e a zona verde do Paseo das Pontes. A nosa igrexa parroquial ubícase no número 156 da Avenida de Fisterra.

27 ago 2011

REPRESENTACIONS DE SANTA MARGARIDA (3)

IMAXE PROCESIONAL DE SANTA MARGARIDA
   A imaxe de Santa Margarida que sae en procesión o día da festa é do mesmo obradoiro cá imaxe "oficial" que se venera no retablo. Esta, a do retablo, polas súas dimensións e peso, non é apropiada para saír a ombros, pois precisaría da forza alomenos de oito persoas para distribuír tanta carga.
Tanto a imaxe grande como a que sae en procesión e que vemos nesta fotografía, mostran a Santa Margarida cos simbolos clásicos da palma, que sostén na man esquerda e indica a súa condición de mártir; da coroa ou guirlanda de flores na cabeza, que indica que era unha virxe, isto é, unha doncela que  fixera voto de castidade e que, polo tanto, tiña como esposo a Cristo; aos pés, aquí oculto polas flores, está derrotado e sometido o dragón infernal, a quen Margarida venceu no cárcere tras terrible loita. A novidade desta representación de Santa Margarida respecto doutras consiste en que sostén na man dereita o libro das Sagradas Escrituras e non aparece a cruz ou crucifixo que, conforme a lenda tradicional,  servira de arma definitiva contra o dragón.. Estas representacións de Santa Margarida que temos na parroquia apuntan á importancia da Palabra de Deus na vida dos santos e á necesidade do cristián actual, se os quere imitar, de coñecer os evanxeos e acudir a eles para iluminar a propia vida conforme a vontade de Cristo. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario